Friday 29 de March de 2024

A Xunta executa traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do rego dos pulpos no concello de Ponteceso


As tarefas inclúen a limpeza nun tramo de máis de medio quilómetro de lonxitude deste rego ao seu paso polos distintos lugares da parroquia de Corme Porto
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, está a desenvolver traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do Rego dos Pulpos, no concello de Ponteceso.
Estas tarefas estanse a desenvolver nun tramo de máis de medio quilómetro de lonxitude, que coinciden co percorrido deste rego por distintos lugares da parroquia de Corme Porto.
As tarefas forman parte das intervencións de mantemento que leva a cabo Augas de Galicia nas áreas con risco potencial significativo de inundación (ARPSI).
As actuacións céntranse na retirada de árbores e pólas caídas e madeira morta, así como a roza selectiva, limitada ao ancho da canle, en tramos cubertos por maleza. Unha vez finalizadas estas actuacións, os ríos quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Estas accións enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-norte.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.